Rede Etnográfica
Qué Facer > Turismo Cultural > Rede Etnográfica

Tear de Camila - Meixide

O tear é propiedade de Dona Camila Escuredo, anexo á súa vivenda, que o cedeu para a súa inclusión na Rede Etnográfica da Veiga.

Nos teares traballábase co liño e coa la, as fibras textiles que se podían acadar na contorna.

A la é unha fibra de orixe animal, procedente do pelo das ovellas. Nestas aldeas, formábase un rabaño común coa totalidade das ovellas dos vecinos.

O pastoreo era por quendas dos vecinos, en función do número de ovellas de cadaquén, e en terreo comunal.

Esta forma de pastoreo chámaselle “velía” ou “vela”, e ó rabaño “magote".

As ovellas perden a la de xeito natural. Pero para a súa utilización textil é preciso rapar as ovellas.

Despois de lavar, cardar e fiar a la, tecíase. Así obtiñan:

  • Xerga: tecido exclusivamente de la.
  • Picote: tecido urdido co liño e tapado con la.
Pola dureza e aspereza da la, estes tecidos eran empregados para facer pezas de abrigo, como saias, mantóns e o “capote de pardo” que é a peza máis característica dos homes.

Forno do Pobo - Espiño

Edificación de uso común dos vecinos da aldea de Espiño.

Polo sistema de explotación existen, no Concello da Veiga, fornos caseiros (salientando os que sobresaen das paredes das vivendas, como en Ponte, Xares e Corzos) e fornos comunais, en edificacións independentes como esta.

Trátase dunha edificación de pedra, construída polos vecinos de Espiño, e no seu interior hai dous fornos de barro, construídos en forma de bóveda.

Estes fornos non teñen respiro nin cheminea, e o fume ha de saír pola boca. Tampouco teñen portas que tapen o forno para gardar o calor.

Trabellos que se empregan no forno:

  • Pa: utensilio empregado para meter e sacar as fogazas de pan.
  • Rodo: utensilio de madeira para apañar as brasas cara á boca do forno.
  • Varredoiro: mazo de xestas atadas a un pau para barrer o forno.
  • Maseira: caixón de madeira onde se amasa e se deixa levedar o pan.
Era costume cocer só pan de centeo con leña de rebolo, aínda que nos últimos anos mesturábase con fariña de trigo.

Forxa do Pobo - Corzos

A Forxa do Pobo é unha edificación de uso común dos vecinos da aldea de Corzos.

A necesidade de autoabastecemento orixinada pola ausencia de comunicación e o illamento das aldeas da alta montaña, fomentaron a aparición dunha pequeña industria artesanal do ferro.

  • Ferrerías: onde se fundía o mineral ferroso, obtendo barras de ferro.
  • Mazos: onde se traballaban as barras de ferro para estiralas.
  • Forxas: onde o Ferreiro elaboraba ou reparaba os productos finais, apeiros e ferramentas.
As forxas precisaban da provisión do ferro, que se traía de fóra xa que non se explotaron depósitos ferrosos na zona. O carbón facíase no monte nun proceso artesanal que transformaba as raíces das torgas (os torgos) en carbón vexetal.

Tear da Ermida - Vilaboa

Tear propiedade da familia Vega Gago, chamado dende anteigo Tear da Ermida pola súa colocación preto da Igrexa de Santa Lucía de Vilaboa.

A planta do liño (Linum usitatissimum) é chamado “liño manso” en Galicia. É unha planta anual que pode acadar ata un metro de altura e con flores de cor azulada.

A liñaza, semente do liño, seméntase polo mes de marzo nunha terra ben labrada e arríncase en maio, coa raíz, e ponse en feixes.

Procédese entón a ripalo, proceso no que se quita a semente cun aparello chamado ripo. A semente sécase ó sol uns días e gárdase para o ano seguinte.

Os feixes lévanse ó río, onde teñen que estar en remollo uns nove días, para despois poñelos a secar nun prado ben asollado.

Este é o inicio dun complexo e longo proceso para obte-lo fío que se tecerá no tear, sendo unha tarefa realizada polas mulleres desta terra durante centos de anos.

Muiño dos Carballos - Corzos

Muíño de herdeiros, situado na beira do río Corzos. Os herdeiros son os descendentes daqueles que traballaron na súa construcción ou mercaron unha parte del.

O Río Corzos discorre na chaira onde está a aldea, e cando a chaira remata, escóndese e asoma entre grandes bolos de pedra na paraxe natural coñecida como “A Cántara da Moura”, lugar máxico de mitos e lendas.

O muíño é unha edificaión rústica que forzosamente ha de ter dous niveis:

  • Un piso baixo, ou “inferno”, onde a enerxía da auga se troca en forza útil que move o rodicio.
  • Un piso alto, ou “tremiñado”, onde se fai a moenda.
No inferno dun muíño atópanse os seguintes elementos:
  • rodicio: é o motor do muíño, que se move coa forza da auga; está composto por aspas que forman unha roda reforzada por un aro de ferro e un eixe.
  • eixe: é un resistente pau de madeira de rebolo ou castiñeiro, que na parte baixa encaixa no centro do rodicio, e na parte alta entra nun burato no medio da pedra de moer.

Muiño e Ponte das Lastras

Muíño de herdeiros, situado na beira do río Requeixo. Ó conxunto do muíño e a ponte chámase “das Lastras” por estar rodeado de grandes rochas que dan nome á paraxe.

Este muíño conserva o “repousadoiro”, un saínte de pedra situado ó pé da porta, empregado para apoiar os sacos de gran.

A pedra superior, chamada manta ou moa, xira sobre doutra chamada pé.

Entrámbalas dúas existe unha separación que se regula cunha peza chamada aliviadeiro ou torno.

A fariña cae no farneiro e métese nun saco de lenzo cunha pequeña pa de madeira. Esta moenda precisa ser peneirada. Os restos máis grosos son os farelos destinados ós animais, mentres que cos cribados se fai o pan.

Palleira do Xardín e Museo do Liño

O edificio do “Museo do Liño” é unha palleira propiedade dos irmáns Pío e Ramiro Escuredo que os seus herdeiros cederon para a súa inclusión na Rede Etnográfica da Veiga.

Esta palleira da Casa dos Escuredo, está preto da Igrexa de Santo André.

A igrexia é de estilo barroco galego e foi construída no século XVIII.

É coñecida como a “Palleira do Xardín” por estar situada no xardín da Casa dos Escuredo.

As palleiras son edificacións para gardar a herba do gando, os apeiros agrícolas e, tamén, servían para almacenar os mañizos do liño.

Ó redor dos procesos de traballo do liño desenvolveuse un costume popular moi arraigado en toda Galicia: os fiadeiros. Nas noites de inverso xuntábanse varias mulleres nunha casa para facer unha fiada; alí acudían outras personas a contar contos, bailar, cantar, tocar a pandeireta, mocear…

Esta palleira rehabilitouse para albergar os apeiros e tecidos que compoñían o traballo de elaboración de prendas de liño. As pezas deste museo foron cedidas polas mulleres de Requeixo.

Muiño de Manuel Benigno

Muiño particular, propiedade de Don Benigno Álvarez, que o herdou do seu pai Don Manuel Álvarez, o último muiñeiro. Atópase a medio camiño das aldeas de Xares e Ponte.

Este muíño é do tipo maquileiro, chamado así porque calquera campesino podía moer o gran pagando a maquía. A maquía é a parte do gran que lle queda ó muiñeiro como paga.

Existen varios tipos de explotación dos muíños: particulares (nas casas grandes), de herdeiros, comunais, eclesiásticos e maquileiros (coma este).

Concibidos como negocio, os muíños maquileiros eran os máis complexos, posuían lousado a dúas augas, vivenda do muiñeiro, máis luces que a da propia porta, máis dun rodicio e, incluso, “cubo” coma neste caso.

Os muíños case sempre constan dos seguintes elementos exteriores:

  • Preseira: para encorar a auga do río.
  • Canle: para levar a auga ata o muíño.
  • Comporta: estructura móvil para regular a entrada de auga
  • Grade: estructura para impedir o paso das follas.
  • Cubo: é unha das partes máis singulares deste muíño: serve para almacenar a auga cando o caudal do río baixa, o que lle permitía a este muíño funcionar mesmo no verán.

Nos arredores deste muíño temos a mámoa do Lombeiro da Pena Escrita, os restos dun castro en Xares e vestixos prerrománicos na Casa dos Baqueiros en Ponte.