Zona Especial Conservación
Qué Facer > Turismo de Natureza

Trevinca alberga exemplos moi interesantes de bosques, destacando as grandes superficies de bosques antigos, e os bosques de carballos e cerquiños, de bidueiros e de teixos. Tamén son de salientar os soutos, bosques seminaturais de castiñeiros, explotados de forma tradicional desde hai centos de anos.

Son especialmente importantes as masas forestais que desde A Veiga se estenden ata as cabeceiras do río Xares e do Canda: grandes bosques de cerquiños e bidueiros, que conservan exemplares de centos de anos cun porte espectacular. Algúns destes bosques son hábitats de interese para a conservación en Europa como os bosques galaico - portugueses de carballo e cerquiño, os aciñeirais ou os bosques de acivro. Uns poucos son considerados hábitats prioritarios como os teixedais, as turbeiras boscosas, os bosques de barranco ou os bosques de ribeira de ameneiro e freixo.

O acevral de Veiga Redonda no río Canda. Varios topónimos deste territorio nos falan ben ás claras da presenza de bosques de acivros, tanto na actualidade como no pasado, como o Acevral negro ou Cancelo de acevedos. Un deles é o acevral de Veiga Redonda no río Canda.

Os acevrais ou acevedos son pequenos bosques de folla perenne moi pechados onde a luz apenas penetra, e onde o acivro é a árbore dominante case por completo, aínda que pode ir acompañada por outras máis escasas como bidueiros, escanfrés ou abeleiras. Estes bosques, que en Galicia aparecen principalmente nas montañas das serras orientais por riba dos 1.000 m de altitude, no inverno son un bo refuxio para a fauna de montaña que se abriga neles durante as nevaradas e os grandes fríos, pois a temperatura no seu interior é varios graos maior que no exterior. Non obstante no verán, son aproveitados polo gando de montaña para fuxir da calor das horas centrais do día.

O acivro, unha árbore de grande importancia na montaña. Os acivros son árbores sempre verdes de follaxe duro, con espiñas no borde, denso e lustroso. Son de porte modesto xa que non adoitan superar os 12 m de altura. Hai pés masculinos e pés femininos, que son os que durante o inverno teñen os seus rechamantes froitos vermellos. Estas bagas son fonte importantísima de alimento para multitude de animais da montaña, especialmente das aves, na época de maior escaseza. Trátase dunha especie protexida, pois a forte presión que sufriron, pola importada tradición centroeuropea de decorar as casas no Nadal coas pólas cargadas de bagas, ameazaba a súa supervivencia. E con ela, tamén a supervivencia de moitas outras especies ameazadas.